martes, 3 de xuño de 2025

1º-2ºA-2ºB/3º_Labirinto de Breogán e Parque Atenea

1º-2º-3º_Labirinto de Breogán e Parque Atenea 

A última saída do curso foi do máis natural, visitando o Labirinto de Breogán (Vilarmaior) e o Parque Atenea (Arteixo)

Tod@s conseguimos chegar á torre central do labirinto, onde puidemos gozar das súas vistas e dos xogos tradicionais. Rematamos a xornada no parque, entre xantar e xogos compartidos.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Despedimos o curso na natureza, actividades de lecer ao aire libre entre compañeir@s.

venres, 30 de maio de 2025

Anxo Moure: natureza e tradición

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de educación infantil e 1º ciclo de primaria gozou cos contos e cantos de Anxo Moure. Contando, cantando e tocando animou a pequen@s e maiores, transmitindo o respecto, coidado e preservación do medio. Historias solidarias coa terra e as persoas que a habitan, defendendo o conto como ferramenta educativa, tal e como se recolle no proxecto de Anxo Moure: contos solidarios.

O seguinte vídeo é un resumo da divertida e educativa sesión con Anxo Moure.

Agradecid@s ao Consorcio Editorial Galego por facilitarnos a sesión e a Anxo Moure pola súa gran sensibilidade e amabilidade.

venres, 23 de maio de 2025

Galicómic 2025

Presentamos, en formato dixital, a terceira edición do noso Galicómic: produción propia de banda deseñada, en lingua galega, e facendo uso da fotografía ou a técnica croma key.

Nenas/os protagonistas das súas producións, en relación co PDI: natureza, saídas, respecto e coidado do medio, benestar persoal e social...

Produción propia que está en proceso de maquetación para ser catalogada na nosa biblio, valorando e custodiando as producións de todas e todos.

Un curso máis, parabéns a tod@s!

mércores, 21 de maio de 2025

Encontro e contos con Boniface Ofogo

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos, con Boniface Ofogo, un Mes das Letras do máis cultural e diverso.

Boniface mantivo un encontro co alumnado de 4º de primaria, que tiña moitas preguntas sobre os seus libros e biografía. O escritor e griot (figura tradicional de África encargado de narrar historias) respondeu transmitindo moitos valores e ensinanzas, como a paciencia, non a lentitude que se asocia á tartaruga.

Despois do encontro, gozamos no Centro Cívico e Cultural de Malpica, da súa mestría como contacontos. Contos de animais e ata cantos, que tanto gustaron.

Todo un éxito de encontro e contos da man de Boniface Ofogo. Agradecid@s polo seu bo facer.

martes, 20 de maio de 2025

Encontro con Antón Cortizas

O escritor Antón Cortizas, mestre xubilado, mantivo un encontro coas aulas de 2ºA e 2ºB/3º de primaria para falar sobre o seu libro, "Os versos da mariola", incluído no Plan Lector das aulas.

Unha xornada entre libros, brinquedos de papel e xogos de palabras que tan ben argalla Antón. Ao tempo, asinou os exemplares do alumnado, da biblioteca e entregounos un fermoso agasallo en forma de libro, "Tenrura", tamén asinado polo autor.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecid@s a Antón pola súa amabilidade, bo facer e o agasallo en forma de libro para a nosa biblio (na imaxe o exemplar "Tenrura" da súa autoría, un fermoso agasallo asinado); así como a Edicións Embora que nos facilitou o encontro.

Todo un éxito de xornada na nosa lingua, entre libros e brinquedos!

sábado, 17 de maio de 2025

Festival das Letras 2025

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos o noso Mes das Letras celebrando o Festival que xa nos é propio. Festival no que todas as aulas celebraron a lingua galega, a tradición oral, o noso rico patrimonio inmaterial e do que podedes ver e saber máis accedendo aos blogs de cada ciclo.

Un Festival no que soou e resoou a pandeireta, a gaita, as cantigas, o himno galego... en colaboración con familias e membros da comunidade, aos que agradecemos a súa participación; ao igual que ao Diario de Bergantiños por facerse eco da nosa celebración, como podedes ver e ler premendo na seguinte imaxe da portada do xornal.

Premer na imaxe para acceder á noticia

Hoxe, 17 de maio de 2025, a Real Academia Galega celebra o seu pleno extraordinario no mesmo Centro Cívico e Cultural de Malpica onde a nosa escola rendeu homenaxe a todas as cantareiras e pandeireteiras, a nosa rica tradición oral e cultural para seguir valorando e preservando o noso.

Imaxe de Ruth Caramés en www.nosdiario.gal

Feliz Día das Letras Galegas, hoxe e todos os días do ano!

xoves, 15 de maio de 2025

Natureza en Familia!

Conmemoramos o Día da Familia 2025 coas saídas, en familia, do alumnado e familias de educación infantil, 1º, 2ºA, 2ºB-3º de primaria. Imaxes que forman parte do mural de centro, pechando o PDI que nos ocupou estes dous últimos cursos.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

As imaxes falan por si soas, felices compartindo momentos en familia e se son na natureza... moito mellor!

Grazas familias, por compartir os vosos momentos con tod@s nós, e feliz día a todas!