Amosando publicacións coa etiqueta be-leolab. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta be-leolab. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de xuño de 2025

Un PDI... do máis natural!

Chegamos a porto, unha nova singradura chega ao seu fin. Presentamos un resumo audiovisual do PDI que nos ocupou os dous últimos cursos escolares: experiencias de vida do máis naturais.

Agradecid@s a toda a comunidade, pola súa implicación en cada actividade, polas responsabilidades individuais e colectivas, dentro e fóra do horario lectivo, para que a nosa escola bibliotecaria continúe a senda da educación de calidade, pública e rural, por e para tod@s.

venres, 9 de maio de 2025

AS NOSAS LETRAS!: poesía popular oral

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do curso, a exposición AS NOSAS LETRAS! seguiu adicada a escritoras/es galegas/os e homenaxeadas/os nas Letras Galegas: Concha Blanco, Rosalía de Castro e as cantareiras e pandeireteiras.

Exposición que foi mudando cada trimestre, renovando exemplares e facilitando novos códigos QR para acceder a recursos en liña.

Nas imaxes podemos ver a última exposición do curso, no noso Mes das Letras, e a cartelería en homenaxe á poesía popular oral. Homenaxe que a Real Academia Galega celebrará no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños o vindeiro sábado 17 de maio, por ser o concello natal das Pandereteiras de Mens; tal e como se recolle na programación do Concello de Malpica que podedes ver na seguinte imaxe.

Agradecemos ao Concello de Malpica de Bergantiños a doazón que, como cada curso escolar, realiza polo Día das Letras Galegas. Na imaxe podedes ver os exemplares doados, que pasarán a formar parte do catálogo da nosa biblioteca:

A lingua galega soa e resoa na nosa escola, divulgando, dinamizando, valorando o noso rico patrimonio inmaterial: coidado, preservación e transmisión da lingua todos os días do ano.

xoves, 27 de marzo de 2025

Coñecendo a... Photon Robot!

O alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, grazas ao orzamento do Programa Innova, coñeceu e experimentou con Photon Robot, un novo recurso da nosa biblio creativa.

Da man de Flor, de Maker Store by Allknow de Carballo, programaron a Photon Robot para chegar a diversas emocións que foron descubrindo mediante un relato contado.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Seguimos ampliando recursos e formación en programación e intelixencia artificial para mellorar o ser e o saber... facendo!

 

martes, 26 de novembro de 2024

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos, que se irá incrementando

Ao longo do mes de novembro, seguindo a proposta de actividades en relación co PDI, todos os grupos-aula integraron nas súas programacións a experimentación, en galego, en relación co PDI e con contidos diversos: densidades, estados da materia, mesturas, enerxía, forzas, tecnoloxía...

Pechamos o mes visitando as exposicións de cada aula para experimentar e compartir aprendizaxes: a nosa escola bibliotecaria é... un gran laboratorio!

A ciencia na nosa lingua, en todas as linguas, para chegar ao coñecemento... este mes e todos os meses do ano!

sábado, 23 de novembro de 2024

2ºA_Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Deseño de Fátima Romero Olveira

Ao longo do mes de novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, informámonos para chegar ao coñecemento e Leo, a nosa serea lectora, animounos a experimentar e tratar o método científico.

O presente produto audiovisual é un resumo das actividades que desenvolvemos dentro da tarefa integrada: "O universo de 2ºA", un universo repleto de galaxias únicas e diferentes.

A exposición final inclúe a información, varios produtos finais, os materiais necesarios para que @s compañeir@s do cole experimenten e as maquetas que creamos coas nosas familias, que son do máis diversas e creativas. 

A visita a Casa das Ciencias de A Coruña foi o broche final da tarefa integrada, visita do máis vivencial e divertida. Premendo na seguinte imaxe accederedes ao álbum de fotos da visita.

Só nos queda que as familias visiten a nosa exposición final, a cal axudaron a crear, pero iso será a finais de trimestre: visita e recollida de todos os produtos creados. 

Feliz Mes da Ciencia na nosa lingua!

luns, 7 de outubro de 2024

Proposta de actividades 2024-25

 

Premer na imaxe para acceder ao documento

Presentamos a proposta de actividades para o curso que nos ocupa. Unha proposta que recolle actividades anuais e trimestrais, entre as cales destacamos as propostas de cada ciclo en relación con conmemoracións varias.

Actividades como os nosos Laboratorios de Aprendizaxe, nos que o uso de espazos e recursos creativos da Biblioteca Escolar-LeoLab son un privilexio ao que non podemos renunciar: metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes.

Ao tempo, a proposta acolle actividades sistematizadas e que nos son propias: dinamizando a lingua, animando á lectura, á escritura, a creación de producións propias e facilitando/favorecendo o coñecemento e uso dos fondos da nosa biblio (novidades, teatro, banda deseñada, ensino...), entre outras.

Avante toda e... a seguir lendo, informándonos e aprendendo!



mércores, 5 de xuño de 2024

Día do Medio Ambiente: retallos naturais

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, publicamos os retallos naturais que cada grupo-aula foi ideando nas últimas semanas, partindo da proposta de actividades trimestrais.

Un retallo natural no que, ademais de materiais varios, unha frase-lema e un circuíto eléctrico enriquecen a produción propia. 

O e-textil ou textiles electrónicos son tecidos nos que se inclúen elementos electrónicos como: leds e baterías (portapilas)

Pechamos o PDI, por este curso, cos retallos que pasan a formar parte da nosa escola e nos invitan a reflexionar con frases-lema como:

COIDA O PLANETA, É O ÚNICO QUE TEMOS!

APAGA! CONECTA COA NATUREZA.

REVOLUCIÓN POR UN MUNDO MELLOR!

venres, 12 de abril de 2024

Exposición PDI_3º trimestre

Exposición 3º trimestre_2023-24
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos a última exposición do curso escolar ao redor do PDI que nos ocupa, como recursos bibliográficos para as actividades a desenvolver da proposta trimestral.

 Unha exposición para seguir dinamizando lecturas diversas, para tod@s: mes das letras, medio ambiente, natureza, habilidades olvidadas...

O vindeiro curso... máis lecturas!

mércores, 10 de abril de 2024

Proposta de actividades_3º trimestre

Leer más publicaciones en Calaméo

Presentamos a proposta de actividades para a recta final de curso. Unha proposta que acolle o noso Mes das Letras e o Día do Medio Ambiente, entre outros, con actividades diversas: lectura activa, encontros, visitas, creatividade, reciclaxe e moito máis.

Un trimestre para valorar, concienciar, divulgar...

luns, 11 de marzo de 2024

Semana da Muller 2024: entrevistas fantásticas

SEMANA DA MULLER 2024 de bibliotecamilladoiro

Presentamos os produtos finais de cada grupo-clase en relación coa Semana da Muller 2024 e o PDI que nos ocupa. Premendo na imaxe-presentación de cada aula accederedes á publicación que realizaron no blog de ciclo.

Ao longo da semana, todos os grupos presentan na biblio a súa entrevista fantástica, gravada en Radio Balea e co apoio documental dos exemplares a disposición na exposición temporal Leo le... 8M!, para conmemorar o Día da Muller 2024.

Leo le... 8M!

Ao tempo, achegamos o enlace ao álbum de fotos das presentacións realizadas na biblio para o resto de compañeir@s e profesorado, álbum que se irá incrementando ao longo da semana. Premer na seguinte imaxe:

Semana da Muller 2024

Unha vez máis, felicitar a tod@s polo fantástico traballo de investigación, comunicación e presentación final ao redor de Mulleres pioneiras en moitos campos,

MULLERES QUE ABRIRON CAMIÑOS!

luns, 22 de xaneiro de 2024

Exposición PDI_2º trimestre

Exposición PDI_2º trimestre

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Achegamos, en imaxes, a exposición do 2º trimestre que acolle exemplares diversos para realizar lecturas compartidas en relación coa proposta de actividades trimestral.

Diversidade lectora para chegar ao coñecemento, para explorar temáticas varias: emocións, valores, identidade, igualdade, diversidade...

Un trimestre lector para tod@s!

venres, 12 de xaneiro de 2024

Proposta de actividades_2º trimestre

Leer más publicaciones en Calaméo

Presentamos a proposta de actividades do 2º trimestre: actividades anuais e actividades mensuais.

Unha proposta que xira ao redor do PDI que nos ocupa para dar tratamento a diversas conmemoracións: Día da Paz, Entroido, Día de Rosalía de Castro, Día Mundial da Radio e a nosa Semana da Muller 2024.

Actividades para seguir informándose, documentándose; realizando lecturas activas, lecturas por placer, para informarse e para aprender.

A por un trimestre lector, saudable e... entroideiro!

martes, 12 de decembro de 2023

Obradoiros de cociña sostible

Obradoiros de cociña sostible
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo de dúas xornadas lectivas todos os grupos-aula pasaron polos obradoiros de cociña sostible impartidos por María Navarro. María é graduada no ciclo superior de Dirección de Cociña e gusta de divulgar a cociña sostible, vexetal, sen residuos e de tempada, o que a levou a deseñar estes obradoiros de cociña que titulou: "Coñecer e cociñar o que vén da terra".

Tod@s puideron coñecer diversos vexetais, legumes, froitas, froitos secos.... e mesmo probar. Ao tempo, María cociñou receitas varias (humus diversos, ensalada de verduras, setas, receitas doces...) para que levaran a casa.

Enlazamos os documentos que, amablemente, nos deixou María coa presentación de diversos alimentos e receitas salgadas e doces; así como un kahoot, todos os materiais son da súa autoría:

Agradecemos a María o seu bo facer e desexámoslle longa vida na cociña sostible; obradoiros que implementamos grazas á dotación económica do Contrato Programa Innova, tratando a alimentación, os alimentos de proximidade, a cociña sostible... o PDI que nos ocupa.





luns, 27 de novembro de 2023

Receitando lecturas... polo 25N!

Conmemoramos o 25N... receitando lecturas de vida!
Ao longo do mes de novembro experimentamos coa luz ultravioleta e receitamos lecturas, seguindo o PDI que nos ocupa e a proposta mensual.
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Parabéns a tod@s pola lectura activa ao redor de valores e actitudes esenciais para a convivencia, así como polos diferentes experimentos realizados nas aulas (visitar os blogs de ciclo)
Seguimos querendo... cambiar o conto! 


venres, 3 de novembro de 2023

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Leer más publicaciones en Calaméo

No mes de novembro a lectura activa e a medicina, en relación co PDI que nos ocupa, serán o punto de partida da experimentación e do tratamento de valores para a igualdade e a convivencia.

As exposicións ubicadas no corredor e no escenario da biblioteca acollen exemplares diversos: álbum ilustrado, poesía, narrativa... para receitar lecturas de vida.

Leo le... 25N!
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un mes para experimentar na nosa lingua e para valorar a lectura activa como ferramenta de construción educativa e social que facilita o cambio.

luns, 9 de outubro de 2023

Exposición PDI_1º trimestre

Exposición PDI_1º trimestre
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos a exposición do 1º trimestre en relación co PDI que nos ocupa.

Exemplares varios para desenvolver tarefas integradas/proxectos diversos e dar tratamento a temáticas diferentes: ciencia, filosofía, natureza, narrativa, poesía...

Iniciando curso, mergullándonos en novas lecturas para descubrir, para preguntarnos, para gozar da lectura como fonte de placer e información.

ODS 4 da Axenda 2030

venres, 29 de setembro de 2023

Proposta de actividades_1º trimestre

Presentamos a proposta de actividades anuais e do 1º trimestre en relación co PDI que nos ocupa.

Unha proposta que dá continuidade a actividades que nos son propias: laboratorios de aprendizaxe, Galicómic, DichoLeo...; así como aquelas outras que teñen como finalidade dar tratamento á lectura, á escritura, á comunicación, á educación para a saúde e en valores.

Actividades todas elas que estarán presididas pola aprendizaxe por descubrimento, aprendizaxes emocionantes e vívidas, aprendizaxes cooperativas para dar resposta a múltiples preguntas, retos...

Un trimestre para coidarnos, para coñecernos, para respectarnos...

ODS Axenda 2030

luns, 18 de setembro de 2023

PDI 2023-25: "Medicus curat natura sanat"

Leer más publicaciones en Calaméo

Iniciamos curso e novo Proxecto Documental Integrado: "Medicus curat natura sanat"

Un PDI de carácter bianual que centra a súa mirada no benestar físico e emocional, nos estilos e hábitos de vida saudable, e na importancia da medicina, da ciencia, da natureza para lograr o benestar persoal e social dando cumprimento ao ODS 3 da Axenda 2030.

Un proxecto para integrar nas programacións de aula e seguir lendo, investigando, descubrindo, experimentando, escribindo, comunicando...

Un PDI que promete ser... do máis saudable!