Amosando publicacións coa etiqueta encontro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta encontro. Amosar todas as publicacións

mércores, 21 de maio de 2025

Encontro e contos con Boniface Ofogo

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos, con Boniface Ofogo, un Mes das Letras do máis cultural e diverso.

Boniface mantivo un encontro co alumnado de 4º de primaria, que tiña moitas preguntas sobre os seus libros e biografía. O escritor e griot (figura tradicional de África encargado de narrar historias) respondeu transmitindo moitos valores e ensinanzas, como a paciencia, non a lentitude que se asocia á tartaruga.

Despois do encontro, gozamos no Centro Cívico e Cultural de Malpica, da súa mestría como contacontos. Contos de animais e ata cantos, que tanto gustaron.

Todo un éxito de encontro e contos da man de Boniface Ofogo. Agradecid@s polo seu bo facer.

martes, 20 de maio de 2025

Encontro con Antón Cortizas

O escritor Antón Cortizas, mestre xubilado, mantivo un encontro coas aulas de 2ºA e 2ºB/3º de primaria para falar sobre o seu libro, "Os versos da mariola", incluído no Plan Lector das aulas.

Unha xornada entre libros, brinquedos de papel e xogos de palabras que tan ben argalla Antón. Ao tempo, asinou os exemplares do alumnado, da biblioteca e entregounos un fermoso agasallo en forma de libro, "Tenrura", tamén asinado polo autor.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecid@s a Antón pola súa amabilidade, bo facer e o agasallo en forma de libro para a nosa biblio (na imaxe o exemplar "Tenrura" da súa autoría, un fermoso agasallo asinado); así como a Edicións Embora que nos facilitou o encontro.

Todo un éxito de xornada na nosa lingua, entre libros e brinquedos!

martes, 1 de abril de 2025

Encontro con Berta Dávila


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 1º e 6º de primaria mantiveron un encontro con Berta Dávila autora de O libro grande dos números pequenos e O Concurso dos Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos)

Entre poesía e narrativa a escritora foi respondendo a todas as preguntas, que non foron poucas, arredor dos dous exemplares que forman parte dos títulos incluídos no Plan Lector 2024-25 do centro.

Ao tempo, asinou todos os exemplares de cada nen@ para que tanto os que iniciaron etapa de primaria como os que a rematan conten na súa biblioteca persoal cun libro de calidade en lingua galega e... asinado pola autora!

Agradecer a Xerais que nos facilitara o encontro e a Berta a súa dispoñibilidade e amabilidade para compartir o seu tempo c@s nen@s e profes do Milladoiro.

xoves, 13 de marzo de 2025

Encontro con Sabela Fernández

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, o alumnado de 5º de primaria asistiu ao Encontro con Sabela Fernández Trelles, autora de A miña avoa, a miña heroína.

O exemplar, que forma parte dos títulos do Plan Lector 2024-25, reflicte os medos de Laura e a tan necesaria rede de apoio na que a súa avoa é a súa heroína. Un relato altamente emotivo no que algunha das alumnas lectoras se viron reflectidas.

Sabela dinamizou o encontro con diversos materiais cos que foi dando tratamento aos puntos clave da súa aventura literaria, fantástica ou real foi unha das preguntas, a que a autora respondeu que algo de realidade persoal tamén había na historia.

Agradecemos a editorial Xerais a posibilidade de contar con Sabela Fernández, e a escritora por regalarnos un relato tan noso: as nosas raíces, as relacións familiares, o benestar emocional...

O encontro pechouse coa entrega dun pequeno agasallo para que recorde este primeiro encontro na biblioteca do noso cole, así como coa sinatura de libros da que recollemos a seguinte frase de Sabela:

Vive e soña sen medo!

Grazas Sabela, esperamos novas aventuras literarias para volver... encontrarnos, emocionarnos!

martes, 11 de marzo de 2025

Charo Pita na Semana da Muller 2025

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Conmemoramos a Semana da Muller 2025 coa visita de Charo Pita, que encantou a pequen@s e maiores de Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria.

A animación á lectura de Charo xirou ao redor de diversas Mulleres intrépidas e verdadeiras como Mary Kingsley, así como @s cativiñ@s do Milladoiro se recrearon cos seus monicreques e contos cantados.

Ao tempo, narrou un exemplar da súa autoría, Valentina Nunca Calas e o Monstro da Media cara, no que a valentía de Valentina fai minguar o Monstro da Media cara. 

Unha experiencia de narración oral do máis divertida!

venres, 21 de febreiro de 2025

Encontro con Lupe Blanco

Todas as aulas de primaria mantiveron un encontro con Lupe Blanco, grazas a cal se achegaron a poesía popular oral e crearon coplas para o noso entroido: un entroido... do máis natural!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Una xornada divertida e creativa, na cal cada aula, coa axuda de Lupe Blanco, foi creando unha copla adicada ao seu disfraz.

As coplas finais podedes escoitalas premendo no seguinte podcast, grazas a colaboración de: Candela, Clara, Dania, Noela e Marco G. (voces) e a mestra Susana (pandeireta):

Agradecemos a Lupe a súa dispoñibilidade e bo facer, nunha xornada na que a poesía popular oral foi a protagonista para achegar a comunidade as nosas tradicións e valorar a nosa lingua nai, nun día coma hoxe no que conmemoramos o Día da Lingua Materna.

martes, 18 de febreiro de 2025

Encontro con Icía e Xosé Manuel Varela

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 5º e 6º de primaria mantivo un encontro cos autores de "Cantareiras", Icía e Xosé Manuel Varela.

Un libro no que fan un percorrido polo legado da música e a poesía popular: Pandereteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás; mulleres homenaxeadas o Día das Letras Galegas 2025.


Pecharon o encontro cantando e tocando, para celebrar a nosa rica tradición oral: patrimonio inmaterial que debemos conservar e preservar; así como realizando unha entrevista en Radio Balea, polo alumnado de 5º de primaria, que a continuación podedes escoitar:

Agradecemos a Icía e Xosé Manuel a súa dispoñibilidade para vir a presentarnos o seu libro, que xa forma parte do catálogo da nosa biblio, con dedicatoria incluída.

.

luns, 13 de maio de 2024

Encontro con Jorge Campos

Encontro con Jorge Campos
Premer na imaxe para acceder ao álbum de fotos

O pasado venres 10 de maio o alumnado do 2º ciclo de primaria mantivo un encontro con Jorge Campos.

Encontro con Jorge Campos

Jorge Campos, ilustrador e autor, iniciou o encontro con contidos básicos de banda deseñada: historia, partes dun cómic... Posteriormente, respondeu a todas as preguntas en relación co seu exemplar: "Capitán Lentella", título do Plan Lector Anual da aula de 4º de primaria; así como asinou os exemplares de tod@s, con ilustración incluída, e tamén nos deixou asinada a lámina das ilustracións que realizou.

O alumnado puido ver o proceso de ilustración, en vivo, dos diversos personaxes de "Capitán Lentella" e recibiu a boa nova, de boca do autor, da próxima publicación de "Capitán Lentella 2"; o que levou a que o alumnado de 4º de primaria pida para o vindeiro curso que se inclúa nos títulos do Plan Lector este exemplar en 5º de primaria (petición recibida e... aprobada!)

Encontro con Jorge Campos

Só nos queda dicir que foi un auténtico pracer contar con Jorge Campos, pola súa dispoñibilidade, bo facer e amabilidade en todo momento. Ao tempo, dicir que Jorge quedou encantado coa produción propia que elaborou o alumnado de 4º de primaria, coa súa titora Belén como orientadora e guía do proceso, ao redor do título.

Encontro con Jorge Campos

Engadir que Jorge foi o encargado de realizar o póster do presente curso, "Unha biblioteca escolar en viñetas", da Asesoría BEGA e que temos publicado na columna do presente blog.

O vindeiro curso... máis encontros!


martes, 23 de abril de 2024

Encontro con Eva Mejuto: "O día que choveron gatos"

Damos continuidade ao noso Mes das Letras 2024 co encontro entre o alumnado de 6º de primaria e a autora Eva Mejuto, facilitado pola editorial Xerais.

O título do Plan Lector Anual da aula de 6º de primaria, "O día que choveron gatos", motivou o encontro para coñecer, en persoa, a escritora do libro. Ao tempo, Eva respondeu a todas as preguntas en relación co libro e con moitos outros títulos escritos pola autora, así como a súa traxectoria vital e literaria.

Encontro con Eva Mejuto

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecemos a Eva a súa dispoñibilidade e amabilidade, o alumnado quedou encantado de coñecela e presentarlle as súas creacións artísticas ao redor do libro.

Encontro con Eva Mejuto

O alumnado de 6º espera unha segunda parte do libro, mais Eva puido levar un borrador da mesma escrito por Alejandro García para a exposición de aula.

Estaremos atent@s a próximas publicacións da autora.