venres, 30 de maio de 2025

Anxo Moure: natureza e tradición

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de educación infantil e 1º ciclo de primaria gozou cos contos e cantos de Anxo Moure. Contando, cantando e tocando animou a pequen@s e maiores, transmitindo o respecto, coidado e preservación do medio. Historias solidarias coa terra e as persoas que a habitan, defendendo o conto como ferramenta educativa, tal e como se recolle no proxecto de Anxo Moure: contos solidarios.

O seguinte vídeo é un resumo da divertida e educativa sesión con Anxo Moure.

Agradecid@s ao Consorcio Editorial Galego por facilitarnos a sesión e a Anxo Moure pola súa gran sensibilidade e amabilidade.

venres, 23 de maio de 2025

Galicómic 2025

Presentamos, en formato dixital, a terceira edición do noso Galicómic: produción propia de banda deseñada, en lingua galega, e facendo uso da fotografía ou a técnica croma key.

Nenas/os protagonistas das súas producións, en relación co PDI: natureza, saídas, respecto e coidado do medio, benestar persoal e social...

Produción propia que está en proceso de maquetación para ser catalogada na nosa biblio, valorando e custodiando as producións de todas e todos.

Un curso máis, parabéns a tod@s!

mércores, 21 de maio de 2025

Encontro e contos con Boniface Ofogo

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos, con Boniface Ofogo, un Mes das Letras do máis cultural e diverso.

Boniface mantivo un encontro co alumnado de 4º de primaria, que tiña moitas preguntas sobre os seus libros e biografía. O escritor e griot (figura tradicional de África encargado de narrar historias) respondeu transmitindo moitos valores e ensinanzas, como a paciencia, non a lentitude que se asocia á tartaruga.

Despois do encontro, gozamos no Centro Cívico e Cultural de Malpica, da súa mestría como contacontos. Contos de animais e ata cantos, que tanto gustaron.

Todo un éxito de encontro e contos da man de Boniface Ofogo. Agradecid@s polo seu bo facer.

martes, 20 de maio de 2025

Encontro con Antón Cortizas

O escritor Antón Cortizas, mestre xubilado, mantivo un encontro coas aulas de 2ºA e 2ºB/3º de primaria para falar sobre o seu libro, "Os versos da mariola", incluído no Plan Lector das aulas.

Unha xornada entre libros, brinquedos de papel e xogos de palabras que tan ben argalla Antón. Ao tempo, asinou os exemplares do alumnado, da biblioteca e entregounos un fermoso agasallo en forma de libro, "Tenrura", tamén asinado polo autor.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecid@s a Antón pola súa amabilidade, bo facer e o agasallo en forma de libro para a nosa biblio (na imaxe o exemplar "Tenrura" da súa autoría, un fermoso agasallo asinado); así como a Edicións Embora que nos facilitou o encontro.

Todo un éxito de xornada na nosa lingua, entre libros e brinquedos!

sábado, 17 de maio de 2025

Festival das Letras 2025

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos o noso Mes das Letras celebrando o Festival que xa nos é propio. Festival no que todas as aulas celebraron a lingua galega, a tradición oral, o noso rico patrimonio inmaterial e do que podedes ver e saber máis accedendo aos blogs de cada ciclo.

Un Festival no que soou e resoou a pandeireta, a gaita, as cantigas, o himno galego... en colaboración con familias e membros da comunidade, aos que agradecemos a súa participación; ao igual que ao Diario de Bergantiños por facerse eco da nosa celebración, como podedes ver e ler premendo na seguinte imaxe da portada do xornal.

Premer na imaxe para acceder á noticia

Hoxe, 17 de maio de 2025, a Real Academia Galega celebra o seu pleno extraordinario no mesmo Centro Cívico e Cultural de Malpica onde a nosa escola rendeu homenaxe a todas as cantareiras e pandeireteiras, a nosa rica tradición oral e cultural para seguir valorando e preservando o noso.

Imaxe de Ruth Caramés en www.nosdiario.gal

Feliz Día das Letras Galegas, hoxe e todos os días do ano!

xoves, 15 de maio de 2025

Natureza en Familia!

Conmemoramos o Día da Familia 2025 coas saídas, en familia, do alumnado e familias de educación infantil, 1º, 2ºA, 2ºB-3º de primaria. Imaxes que forman parte do mural de centro, pechando o PDI que nos ocupou estes dous últimos cursos.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

As imaxes falan por si soas, felices compartindo momentos en familia e se son na natureza... moito mellor!

Grazas familias, por compartir os vosos momentos con tod@s nós, e feliz día a todas!

venres, 9 de maio de 2025

AS NOSAS LETRAS!: poesía popular oral

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do curso, a exposición AS NOSAS LETRAS! seguiu adicada a escritoras/es galegas/os e homenaxeadas/os nas Letras Galegas: Concha Blanco, Rosalía de Castro e as cantareiras e pandeireteiras.

Exposición que foi mudando cada trimestre, renovando exemplares e facilitando novos códigos QR para acceder a recursos en liña.

Nas imaxes podemos ver a última exposición do curso, no noso Mes das Letras, e a cartelería en homenaxe á poesía popular oral. Homenaxe que a Real Academia Galega celebrará no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños o vindeiro sábado 17 de maio, por ser o concello natal das Pandereteiras de Mens; tal e como se recolle na programación do Concello de Malpica que podedes ver na seguinte imaxe.

Agradecemos ao Concello de Malpica de Bergantiños a doazón que, como cada curso escolar, realiza polo Día das Letras Galegas. Na imaxe podedes ver os exemplares doados, que pasarán a formar parte do catálogo da nosa biblioteca:

A lingua galega soa e resoa na nosa escola, divulgando, dinamizando, valorando o noso rico patrimonio inmaterial: coidado, preservación e transmisión da lingua todos os días do ano.

mércores, 7 de maio de 2025

De feira... no patio do cole!

 

Presentamos o cartel remitido por Jardanay, empresa que xestiona o comedor escolar, no que convida a toda a comunidade a unha xornada de feira no patio do colexio o vindeiro luns 12 de maio de 16:00 a 19:00 h.

Xornada na que presentarán como traballan, así como facilitarán outros postos de mercado de proximidade e xogos/obradoiros para a cativada, que deberá vir acompañada de algún adulto.

Animámosvos a pasar unha xornada en comunidade, pechando o PDI que nos ocupou estes dous últimos cursos.

martes, 6 de maio de 2025

DichoLeo 2025

Presentamos, un curso máis, as pezas audiovisuais de cada grupo-aula no noso Mes das Letras.

Dinamizando a lingua e atendendo á alfabetización audiovisual, seguimos a dar tratamento ás interferencias lingüísticas e enriquecendo o vocabulario na lingua nai. 

Fala galego, DichoLeo!