xoves, 24 de abril de 2025

Lectura na rúa e pícnic saudable

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Conmemoramos o Día do Libro 2025 desenvolvendo a lectura na rúa con pícnic saudable, recollida na proposta de actividades enmarcada no PDI que nos ocupa e iniciando o Mes das Letras que nos é propio.

Todas as aulas exercendo o seu dereito a ler en calquera sitio (Daniel Pennac) e a merendar do máis saudable. Desde o cabo de San Adrián ata a Atalaia de Malpica, nen@s e profesorado realizaron a Hora de Ler ao aire libre; así como a hora da merenda, un pícnic creado por elas/es.

Divulgación, dinamización do acto lector para celebrar a lectura como motor do benestar persoal e social, todos os días do ano.

Feliz Día do Libro!

mércores, 23 de abril de 2025

Maleta Naturalista do CEIDA

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe, Día Mundial do Libro 2025, chegou a nosa biblio a Maleta Naturalista que solicitamos ao Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Unha maleta con 23 exemplares do máis naturais: cadernos de campo, guías de flora, fauna e fungos, inventarios...; exemplares para informarse e formarse a disposición de toda a comunidade.

Unha maleta viaxeira para divulgar o patrimonio natural de Galicia, para empregar como fontes de información e achegarse á natureza, un gran recurso didáctico para o 3º trimestre e como peche do PDI "Medicus curat natura sanat" que iniciamos o pasado curso.

Agradecid@s ao CEIDA por facilitarnos recursos bibliográficos que amplian o catálogo da nosa biblio e enriquecen a proposta de actividades en relación co PDI que nos ocupa.

venres, 11 de abril de 2025

Aquarium Finisterrae no CEIP Milladoiro

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos o 2º trimestre coa visita do Aquarium Finisterrae ao noso cole. Tod@s visitamos a furgoneta do Aquarium na que Carlos e Jose nos ensinaron unha mostra da diversidade de vida mariña que tan ben coidan nas instalacións de A Coruña.

Todas as aulas marabilladas vendo, e mesmo tocando, melgachos, rodaballos, estrelas de mar, cangrexos, centolas, ourizos e ata un coral.

Un privilexio de visita que a tod@s gustou e, seguro, non olvidaremos. Agradecid@s ao Aquarium Finisterrae e na súa representación a Carlos e Jose, pola súa amabilidade e bo facer.

Un petisco do Aquarium que animamos ir visitar estes días de descanso, un plan do máis natural e divertido!

mércores, 9 de abril de 2025

Terapia asistida con cans

Estes días recibimos a visita do equipo IncrescenTO, en colaboración coa Universidad da Coruña, para presentar a todo o alumnado do centro o traballo da terapia asistida con cans. Axudan a mellorar a calidade de vida de quen o precisan a través das actividades realizadas con estes animais e nestas sesións fixeron unha demostración sendo o alumnado parte activa e traballando o benestar emocional como eixe principal en todas as intervencións. Podedes ver todas as fotos premendo encima da imaxe:


venres, 4 de abril de 2025

Teatro: Pasando a bóla. Xogando para cambiar

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O pasado curso inauguramos o Punto Laranxa do cole coa peza teatral de A Xanela do Maxín, "Pasando a bóla. Xogando para cambiar" para o alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria.

No día de hoxe, volvemos contar con eles para representar a mesma peza ao alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria dentro do programa da Consellería que solicitamos este curso.

A representación teatral foi dirixida por Celtia Figueiras, autora do libro que inspirou a peza "A Banda dos Insectos. Pasando a bóla".

A participación activa do alumnado, protagonizando diversas escenas e aportando solucións a todas as situacións que se viven no escenario, favorece o coñecemento e reflexión arredor do acoso escolar.

Todo un éxito de función, na procura da mellora do benestar persoal e social.

martes, 1 de abril de 2025

Encontro con Berta Dávila


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 1º e 6º de primaria mantiveron un encontro con Berta Dávila autora de O libro grande dos números pequenos e O Concurso dos Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos)

Entre poesía e narrativa a escritora foi respondendo a todas as preguntas, que non foron poucas, arredor dos dous exemplares que forman parte dos títulos incluídos no Plan Lector 2024-25 do centro.

Ao tempo, asinou todos os exemplares de cada nen@ para que tanto os que iniciaron etapa de primaria como os que a rematan conten na súa biblioteca persoal cun libro de calidade en lingua galega e... asinado pola autora!

Agradecer a Xerais que nos facilitara o encontro e a Berta a súa dispoñibilidade e amabilidade para compartir o seu tempo c@s nen@s e profes do Milladoiro.