xoves, 27 de marzo de 2025

Coñecendo a... Photon Robot!

O alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, grazas ao orzamento do Programa Innova, coñeceu e experimentou con Photon Robot, un novo recurso da nosa biblio creativa.

Da man de Flor, de Maker Store by Allknow de Carballo, programaron a Photon Robot para chegar a diversas emocións que foron descubrindo mediante un relato contado.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Seguimos ampliando recursos e formación en programación e intelixencia artificial para mellorar o ser e o saber... facendo!

 

mércores, 26 de marzo de 2025

1º-2ºA_Saída a Mens e San Adrián

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

As aulas de 1º e 2ºA realizamos unha saída a Mens e ao cabo de San Adrián de Malpica.

Unha xornada en contacto coa natureza, aproveitando o bo tempo despois de tantos días de chuvia, para celebrar a chegada da primavera, capturar imaxes para o Galicómic de 1º e gravar as pezas audiovisuais do DichoLeo de 2ºA.

Encantounos xogar e correr entre as flores, buscar minerais por San Adrián e mesmo ver algún barco faenando cerca das Illas Sisargas.

Un privilexio vivir e educarnos no rural, gozando da natureza e da paisaxe!

venres, 14 de marzo de 2025

Semana da Muller 2025

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Na nosa Semana da Muller 2025 realizamos un mural de centro, Elas... c@ntan!, para homenaxear a todas as mulleres que abriron camiño a moitas outras na conservación da nosa tradición oral e cultural. 

Todas as aulas realizaron as biografías de diversas mulleres bergantiñás relacionadas coa poesía popular oral e a música tradicional, poderosas ferramentas na mellora do noso benestar persoal e social:

  • Teresa dos Cucos de 2ºB-3º de primaria
  • Mª Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, de 4º de primaria

Un trimestre no que contamos con visitas moi especiais, na biblioteca ou nas aulas, para informarnos, realizar entrevistas, contar, cantar... e así desenvolver as diversas biografías.

Parabéns a tod@s polos valiosos produtos finais e feliz Día da Muller, hoxe e todo os días do ano!

xoves, 13 de marzo de 2025

Encontro con Sabela Fernández

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, o alumnado de 5º de primaria asistiu ao Encontro con Sabela Fernández Trelles, autora de A miña avoa, a miña heroína.

O exemplar, que forma parte dos títulos do Plan Lector 2024-25, reflicte os medos de Laura e a tan necesaria rede de apoio na que a súa avoa é a súa heroína. Un relato altamente emotivo no que algunha das alumnas lectoras se viron reflectidas.

Sabela dinamizou o encontro con diversos materiais cos que foi dando tratamento aos puntos clave da súa aventura literaria, fantástica ou real foi unha das preguntas, a que a autora respondeu que algo de realidade persoal tamén había na historia.

Agradecemos a editorial Xerais a posibilidade de contar con Sabela Fernández, e a escritora por regalarnos un relato tan noso: as nosas raíces, as relacións familiares, o benestar emocional...

O encontro pechouse coa entrega dun pequeno agasallo para que recorde este primeiro encontro na biblioteca do noso cole, así como coa sinatura de libros da que recollemos a seguinte frase de Sabela:

Vive e soña sen medo!

Grazas Sabela, esperamos novas aventuras literarias para volver... encontrarnos, emocionarnos!

martes, 11 de marzo de 2025

Charo Pita na Semana da Muller 2025

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Conmemoramos a Semana da Muller 2025 coa visita de Charo Pita, que encantou a pequen@s e maiores de Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria.

A animación á lectura de Charo xirou ao redor de diversas Mulleres intrépidas e verdadeiras como Mary Kingsley, así como @s cativiñ@s do Milladoiro se recrearon cos seus monicreques e contos cantados.

Ao tempo, narrou un exemplar da súa autoría, Valentina Nunca Calas e o Monstro da Media cara, no que a valentía de Valentina fai minguar o Monstro da Media cara. 

Unha experiencia de narración oral do máis divertida!

luns, 3 de marzo de 2025

Entoido 2025: un entroido... do máis natural!

 

Este ano festexamos "Un entroido do máis natural" co deseño de disfraces acorde ao PDI deste curso, "Medicus curat natura sanat". Deste xeito, os alumnos e alumnas foron de insectos, animais exóticos, flores, ovellas...Podedes ver todas as fotos da xornada premendo no seguinte enlace: Entroido 2025.

domingo, 23 de febreiro de 2025

Día de Rosalía de Castro 2025

Como cada curso escolar, conmemoramos o Día de Rosalía de Castro seguindo o lema da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Destacamos a recolleita de poesía popular oral, grazas á colaboración das familias, que permitiu que cada aula gravara en Radio Balea diversas coplas, as cales tamén se recollen nas plantillas das pandeiretas que compoñen o mural adicado a Rosalía de Castro, "Saúde e Terra!".


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe, e todos os días do ano...

SAÚDE E TERRA!

FELIZ DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO!